Marisqueo
O traballo do marisqueo
Hoxe en día o traballo do marisqueo está estritamente regulado polos organismos oficiais. Para poder ser mariscadora é preciso facer un curso para obter o PERMEX, que capacita para o traballo.
É obrigatorio o pagamento da seguridade social e traballar un número mínimo de días cada mes. O período de extracción dura todo o ano, aínda que hai períodos de veda para as diferentes especies.
A Confraría
As mariscadoras e redeiras de Cambados están organizadas nunha asociación que pertence á Confraría de San Antonio. A Confraría é un organismo en que están integrados os traballadores e traballadoras do mar (tripulantes, armadores, mariscadores…) representados na Asemblea Xeral.
A Confraría realiza a función xestora e de representación diante da administración e, até a aparición da Seguridade Social, realizaba función asistencial (médica, de accidentes e xubilación) a través das Mutualidades.
Actualmente a Confraría ten un censo de 900 asociados.
A extracción
Semente de ameixa
O traballo de mariscar non consiste só en capturar o molusco. Tamén inclúe tarefas como resementeira, limpezas e vixilancias. O traballo realízase en áreas determinadas chamadas bancos marisqueiros, que están situados na área intermareal.
Bancos marisqueiros en Cambados
A extracción faise a pé ou a flote, recollendo especies como a ameixa, o berberecho, a navalla… con distintas artes e técnicas de traballo.
A regulación é moi estrita, pois hai que respectar un máximo diario de colleita establecido en función dos recursos e dos prezos.
Hai distintos tamaños mínimos para as distintas especies, por exemplo:
- Ameixa bicuda / bruxa : 20mm
- Ameixa babosa / branca: 38mm
- Reloxio (reló): 30mm
- Berberecho: 28mm
- Navalla: 100mm
- Longueirón vello: 80mm
- Caramuxo: 15mm
O control é realizado de novo na pesa. Contrólase o peso das capturas e o tamaño. Ademais, as mariscadoras usan o calibre para determinar as capturas válidas.
Pesaxe, control de medidas e certificación
A poxa
As capturas pasan nun camión isotérmico á lonxa, onde se poxan.
Poxa na lonxa
O marisco pode ir destinado ás conserveiras ou pasar pola depuradora para o seu consumo en fresco.